Xallas

 
 

No noso microespazo dedicado ó topónimo galego Xalo, vimos que, en gaélico escocés, a palabra sealladh ten os seguintes significados:

Am Faclair Beag  (Texto traducido)

sealladh /ʃaLəɣ/ fir. gin. -aidh, iol.aidhean
1 Paisaxe, vista. 2 Espectáculo. 3 Perspectiva, punto de vista. 4 Aparencia, aspecto.

sealladh -aidh, -aidhean, sm
1 Vista, espectáculo. 2. Alcance da vista (lugar ata o que se pode ver). 3. Vista, sentido da vista. 4 Mirada. 5 Ollada, vistazo. 6 Visión, soño. 7** Vista sobrenatural.

Partindo disto, no devandito microespazo explicamos o topónimo galego do seguinte xeito:

As formas fonéticas do topónimo galego Xalo /ʃalo/ e do substantivo verbal gaélico-escocés sealladh /ʃaLəɣ/ son moi similares. Ademais, os significados da palabra gaélico-escocesa, “perspectiva”, “punto de vista”, “paisaxe”, “vista”, ofrécennos unha explicación coherente do nome da montaña, que en galego non ten significado. Non hai mellor definición para un lugar cunha vista tan fantástica.

Aínda que normalmente o substantivo verbal sealladh se emprega máis en gaélico-escocés que en gaélico-irlandés, un falante de gaélico-irlandés do sur pronunciaríao /ʃaLə/ e un falante de gaélico-irlandés do norte (e dalgúns dialectos de gaélico-escocés), pronunciaríao /ʃaLu/. Case non se poderían pedir formas fonéticas máis similares a Xalo /ʃalo/ que /ʃaLə/ e /ʃaLu/.

(gaélico escocés) sealladh > Xalo (galego)

xallas celta galego Galicia Escocia Irlanda gaeles pictos

Vista desde Xalo

A palabra gaélico-escocesa sealladh deriva de seall, “mirar”, que á súa vez deriva de sell, “ollo”, “mirada” en gaélico irlandés antigo. Comprobámolo no seguinte dicionario etimolóxico:

An Etymologycal Dictionary of the Gaelic Language by Alexander Macbain (Texto traducido)

seall, mirar. En irlandés medio sellaim, sell, ollo. En galés syllu, mirar, vista. En bretón sellet.

Tendo todo isto en conta e sabendo que podemos atopar información adicional no microespazo Xalo, volvemos ás linguas gaélicas e no seguinte dicionario de gaélico irlandés atopamos esta acepción da palabra eas:

Foclóir Gaeilge—Béarla by Niall Ó Dónaill (Texto traducido)

eas1, m. (gs. ~a, pl. ~anna). 1. Salto de auga; fervenza, catarata. 2. Corrente rápida, rápido. (Variante: npl. ~a, gpl. ~)

A palabra gaélico-irlandesa eas, “fervenza”, “catarata”, pronúnciase /as/ en gaélico irlandés e /εs/ en gaélico escocés. Unindo as palabras sealladh easa obtemos unha frase que significa “vista da fervenza” (easa é o xenitivo singular de eas e significa “da fervenza”). Observemos, ademais, que na acepción anterior vimos que existe unha variante do xenitivo plural: eas, “das cascadas”. Empregando a devandita variante, a frase gaélica sealladh eas, significa “vista das cascadas”.

Para que podamos facernos unha idea da catarata no seu estado natural, recorremos á páxina de Asociación Monte Pindo Parque Natural e da súa traducción dun extracto de Compendio del Estado de Altamira (José Isla de la Torre, 1724) collemos a seguinte pasaxe (versión traducida):

É País, parte abundante de Trigo, Centeo, e parte de Millo, terra quebrada e montuosa, hai moita cría de Gandos maiores, e menores, moita casa de xabarís, e abundancia de Perdices, con regalo de bos Cabritos do monte Pindo, onde as Cabras crían dúas veces cada ano. Divide esta Xurisdicción da de Muros o caudaloso Río de Olveira, que desde o monte Ezaro se lanza no Occeano tan perpendicularmente a legua e media de Corcubion que levantan as súas escumas densísimas nubes útiles ós navegantes, que á distancia de moitas leguas as recoñecen, para non dubidar a costa en que se achan, sendo moitas a abundancia de Reos, que alí se collen, pero con perigo da vida, porque o menor descoido se achan mergullados no Mar da violencia con que cae el Río os Pescadores e Barcos.

Para levantar nubes de escuma o bastante densas para ser visibles a moitas leguas, o caudal do río tiña que ser importante, e é razoable pensar que nos tramos de maior declive se formasen rápidos e cascadas.

Demos todos estes detalles para poder explicar un singular hidrónimo galego, Xallas, o nome dun río que tamén é coñecido como Ézaro na súa parte inferior, onde ó contornar o monte Pindo busca saída por unha estreita gorxa e precipítase case en vertical desde unha grande altura, formando unha catarata e diversas cascadas de menor importancia.

Se cadra o lector deduciu xa que Xallas, o nome do río antes de precipitarse ó mar, pode ser unha adaptación ou romanización da frase gaélica sealladh eas, “vista das cataratas”, xa que a parte alta do río é o lugar desde o que se pode ver a espectacular vista da fervenza, o esteiro do río e o mar aberto.

xallas celta galego Galicia Escocia Irlanda gaeles pictos

Cascada do río Xallas ou Ézaro ó precipitarse ó mar

Para concluír, Xallas pódese considerar unha adaptación da frase gaélica sealladh eas, “vista das fervenzas”. En gaélico irlandés e nalgunhas variedades de gaélico escocés, a sílaba final de sealladh sería elidida ó ir seguida dunha vogal, e iso produciría seall’eas, pronunciado /ʃauL εs/, unha pronunciación moi similar á do nome do río Xallas, /ʃaʎas/. Por todo isto, a seguinte romanización ou adaptación parécenos acertada:

(gaélico irlandés) seall(adh) eas > Xallas (galego)

 

• • • • •

Se chegaches aquí, é porque che gustou este artigo. Compárteo!

Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en Google+
Se desexa máis información, recomendámoslle a lectura dos nosos documentos. Todos están baseados na relación entre as linguas gaélicas e as linguas galega e portuguesa.