Braña

 
 

Chama a atención a abundancia de topónimos que se repiten por toda a xeografía galaica. Un claro exemplo é o topónimo galego Braña. Existen mil setecentos sesenta e seis (1766) topónimos simples ou compostos que conteñen a devandita palabra galega: Brañas (Pedrafita do Cebreiro-Lugo), A Braña (Laracha-A Coruña), As Brañas (Barreiros-Lugo), O Brañal (O Grove-Pontevedra), A Campa da Braña (Cervantes-Lugo) etcétera.

A palabra galega braña ten varias acepcións, todas relacionadas con terreos ou prados pantanosos ou nos que hai humidade constante ou auga perenne. A súa correspondencia en castelán é marjal, “terreo baixo e pantanoso”. Vemos estas acepcións do substantivo galego braña e do verbo galego brañar recollidas en varios dicionarios:

RILG – Recursos integrados da Lingua Galega (Texto traducido)

braña s. f. Prado para pasto, onde hai humidade constante.

brañar v. n. Manar auga a terra das súas entrañas facendo braña. 

Agora vemos estas acepcións das palabras braon e braonach no seguinte dicionario de gaélico irlandés: 

Foclóir Gaeilge-Béarla by Niall Ó Dónaill (Texto traducido)

braon m. (gs. -oin, pl. ~ta). 1. Gota. 2. Acumulación (de líquido, auga, pus. Etcétera)

braonach a1. 1. Pingando, pinga. 2. Orballoso, mollado.

Os significados das palabras galegas braña e brañar están directamente relacionados cos de braon e braonach, xa que para facer braña a auga ten que manar pouco e pouco, case gota a gota, “manar auga a terra das súas entrañas”.

braña celta galego Galicia Escocia Irlanda gaeles pictos

A palabra castelá braña escríbese e pronúnciase igual cá palabra galega, pero ten un significado lixeiramente distinto, “pasto ou prado situado nos lugares altos das montañas cantábricas”, quizais por extensión,  por iso cremos que a orixe é a mesma. Non atopamos palabras derivadas de braña en castelán. Na Península Ibérica, agás en Galicia, tódolos topónimos relacionados con braña atópanse en Asturias e en Cantabria principalmente, e sempre fan referencia a “pastos ou prados altos de montaña”. O verbo brañar, con este significado concreto, é exclusivamente galego. En asturiano, os significados do verbo brañar están todos relacionados co gando, polo que supoñemos que tamén son significados por extensión.

A etimoloxía de braña deu lugar á especulación. O filólogo e etimólogo catalán Joan Corominas sinala que braña é de orixe prerromana, probablemente do celta *brakna, “lugar húmido” (gaélico irlandés medio bren, gaélico irlandés moderno bréan, galés braen, “podre”), que deriva, á súa vez, dun *mrakna anterior, formado a partir da raíz céltica e indoeuropea mrk. Outras teorías derivan braña do latín *veraneam cun posible sentido de “pastos de verán”, que so conecta co homónimo castelán e co asturiano ou bable. En canto a conexións portuguesas, en portugués non existe a palabra branha.

Tendo en conta a abundancia de topónimos formados con esta palabra en Galicia, e a constante asociación dos topónimos que conteñen a palabra galega braña con distintos tipos de prados permanentemente húmidos, botemos unha ollada ás linguas goidélicas ou gaélicas para ver se poden botar algunha luz sobre a etimoloxía do topónimo.

A palabra braon significa “gota (de líquido)” en gaélico irlandés. A mesma palabra, braon, significa “gota de líquido” e “orballo” en gaélico escocés.

O adxectivo braonach significa “neboento, mollado, empapado” en gaélico irlandés e en gaélico escocés.

En gaélico irlandés antigo, bráenach significa “empapado”, “húmido”, “ben regado”.

En Index of Celtic and Other Elements in Watson's 'The History of the Celtic Place-names of Scotland vemos que braonach significa “lugar húmido, que zumega auga” cando se emprega na toponimia. Nestes casos, a forma adxectival emprégase como substantivo, funcionando como topónimo.

Unha vez vista a coincidencia case total de significado e a similar forma fonética da palabra galega e das diversas formas gaélicas, a nosa proposta etimolóxica para a palabra galega braña é calquera das dúas seguintes:

(gaélico irlandés antigo) bráenach > braña (galego)

(gaélico irlandés e gaélico escocés) braonach > braña (galego)

 

• • • • •

Se chegaches aquí, é porque che gustou este artigo. Compárteo!

Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en Google+
Se desexa máis información, recomendámoslle a lectura dos nosos documentos. Todos están baseados na relación entre as linguas gaélicas e as linguas galega e portuguesa.