Se segue a navegar ou realiza calquera outra acción na nosa web, acepta que utlicemos cookies propias e de terceiros para facilitarlle unha mellor experiencia de navegación.

Mais información     |     Pechar

 

TEMÁTICO
TÍTULO: A’ CHRUINNE – A CRUÑA
REFERENCIA: TEMA0014
DATA DE PUBLICACIÓN: 24/10/2014

SINOPSE

A Coruña ou A Cruña foi mencionada como Cruinne en gaélico irlandés por Geoffrey Keating na súa obra Foras Feasa ar Éireann, tamén coñecida como A Historia de Irlanda. Este sería o lugar de partida de Ith, un dos fillos de Breogán, cara a Irlanda, para despois conquistala. Que razóns levaron a Keating a considerar que Cruinne era A Cruña ou A Coruña?

A’ CHRUINNE – A CRUÑA

Introdución
 

Este documento está baseado na interpretación ou tradución que Geoffrey Keating fixo do topónimo galego A Coruña / A Cruña como Cruinne en gaélico irlandés, en su obra titulada Foras Feasa ar Éireann. Esta obra coñécese como A historia de Irlanda, aínda que literalmente significa “Fundación do coñecemento en Irlanda”. Podemos ver un fragmento desta obra en gaélico irlandés e logo a tradución ó galego:

 

 “Is é fós an Breoghan soin do bhris iomad cath ar an Easpáinn, agus is é do chumhduigh nó do thógaibh Brigansia láimh ris an g-Cruinne, agus tor Breoghain san g-Cruinne féin; gonadh uime sin do rinne Giolla Caomháin an rann-so:

Do bhris mór gcomhlann is gcath
Ar shluagh Easpáinne uallach,
Breoghan na ngleoghal 's na ngliadh,
Lé n-a ndearnadh Brigansia”.

“Tamén foi este Breoghan quen derrotou a España en moitas batallas; e foi el quen erixiu ou construíu Brigansia preto de Cruña, e a torre de Breoghan na mesma Cruña. Por ese motivo Giolla Caomhain compuxo esta estrofa:

Moitos combates e batallas
sobre as hostes de España
ganou Breoghan de conflitos e loitas,
quen construíu Brigansia”.

 

A obra Foras Feasa ar Éireann segue a historia de Irlanda desde a creación do mundo ata a invasión dos normandos no século XII. Está baseada nas ricas tradicións históricas e pseudo-históricas nativas, en rexistros eclesiásticos, anais e poesía histórica. Dado que a obra de Keating é moi coñecida, non faremos máis comentarios sobre o texto ou as súas fontes; centrarémonos no nome gaélico da cidade galega que vimos no texto orixinal: Cruinne (Cruña na tradución ó galego).

 

A Cruña / A Coruña. Debuxo feito en 1845 desde unha zona coñecida como Os Castros

 

1. Cruinn: “redondo”. Cruinne: “redondez
 

O primeiro que precisamos saber agora é o significado do adxectivo cruinn e o do substantivo cruinne en gaélico irlandés moderno:

Foclóir Gaeilge – Béarla by Niall Ó Dónaill (Texto traducido)

cruinn a1. Redondo.

cruinne1 f. (xs. - ) Redondez.

cruinne2 f. (xs. – pl. -nní) 3.Poeticamente “gota de resío”.

Deseguido, comprobamos o significado das mesmas palabras en gaélico escocés:

Am Faclair Beag (Texto traducido)

cruinn -e, /krɯiNʲ/ a 1 Redondo, circular, esférico. 2 Ben redondeado.

cruinne /krɯNʲə/ s. ind. m. en n. sing. f en xen Redondez, circularidade.

Aínda que nos estamos a centrar nos significados específicos “redondo”, “circular”, “redondez”, “circularidade”, etcétera, as palabras cruinn e cruinne teñen outros significados en ámbalas dúas linguas gaélicas.

Acudimos agora a outro dicionario no que vemos a seguinte acepción e a etimoloxía da palabra cruinn:

An Etymological Dictionary of the Gaelic Language by Alexander MacBain (Texto traducido)

cruinn, redondo. Igual en irlandés. En irlandés antigo cruind, en galés crwn, en bretón krenn, *krundi-s; raíz kuro-, círculo, xirar, como en car, q.v. Compárese ó latín curvus; grego kurtós, cabecear, korw/nc, anel, latín corona, inglés crown.  Bezzenberger compara a forma crundi- de kur ó latín rotundus de rota.

Agora que coñecemos a etimoloxía da palabra cruinn, pasamos ás seguintes acepcións das palabras cruinn e cruinne en gaélico irlandés medio e antigo:

eDIL, Electronic Dictionary of the Irish Language (Texto traducido)

cruinn Formas: (cruind) redondo, globular, circular, compacto.

cruinne [iā, f.] (cruinn) (a) redondez, rotundidade: masa redonda:

Xa vimos que os significados relacionados con “redondo”, “circular”, “globular”, etcétera, das palabras gaélicas cruinn e cruinne cambiaron moi pouco ó longo dos anos e que a súa grafía permaneceu intacta; é hora de pasar ó topónimo galego A Cruña / A Coruña.

 

2. A Cruña / A Coruña
 

Comezamos comprobando as diferentes formas rexistradas do topónimo galego ó longo dos anos. Vémolas en Dicionario de dicionarios do galego medieval, Corpus lexicográfico medieval da lingua galega:

F. R. Tato Plaza (1999): Libro de notas de Álvaro Péreznotario da terra de Rianxo e Postmarcos (1457). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega [Índice toponímico].

Cruña: 950, 959, 994.

 

M. de Miguel (1977): Vocabulario gallego medieval en documentos del sXIII anteriores a 1275. Memoria de licenciatura. Universidad de Valladolid ["Índice toponímico"].

Cruna
Cruña
Crugna
Grunia    
a. 1265, 49.7; a. 1271, 60.8; a. 1272, 63.21; a. 1273, 65.4; a. 1258-61, 34.3.

Como podemos apreciar, as formas máis temperás son Cruña, Cruna, Crugna e Grunia. Observemos esta última forma do topónimo galego, Grunia, porque nos recorda as frases de Geoffrey Keating: láimh ris an g-Cruinne ("preto de A Coruña") e san g-Cruinne féin ("na mesma Coruña"). Agora vemos a forma Cruña no seguinte dicionario galego:

Leandro Carré Alvarellos (1951): Diccionario galego-castelán, Terceira Edizón, A Coruña, Roel (Texto traducido)

Cruña s. f. Coruña, provincia de Galicia. A Cruña, capital da devandita provincia.

Resaltamos a forma do topónimo galego A Cruña porque, polo xeral, o topónimo vai sempre precedido do artigo galego a. O devandito artigo mantense en portugués, A Corunha, e en castelán, La Coruña, mentres que en inglés o topónimo é Corunna, sen artigo.

A seguinte imaxe é un debuxo da baía de A Coruña, realizado por Pedro Teixeira. É un deses “mapas” da parte cartográfica de «La descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos» dada por desaparecida ata hai uns anos. Pedro Teixeira Albernaz (Lisboa, c. 1595 — Madrid, 1662) foi un cartógrafo portugués que traballou para Felipe IV, rei de España.

 

Baía de A Cruña / A Coruña no século XVII. Mapa debuxado por Pedro Teixeira

Como podemos ver, Teixeira escribiu o topónimo galego como Curuña, sen o artigo galego e portugués a nin o artigo castelán la. Curuña poderíase considerar un paso intermedio entre (A) Cruña e (A) Coruña.

Observemos a redondez da baía, case tres cuartos dun círculo, ademais da redondez da baía máis pequena do outro lado, a cal Teixeira chamou Mar de Orzán. Esa podería ser unha das razóns para o nome da cidade, tendo en conta que cruinne significa “redondez, rotundidade: masa redonda” en gaélico.

Situando o artigo definido gaélico an antes da palabra cruinne, do mesmo xeito que se sitúa o artigo galego a en A Cruña / A Coruña, obtemos an chruinne, co significado “a redondez”. A lenición da palabra cruinne despois do artigo definido an dáse porque é un substantivo feminino. O dígrafo ch indica o son /x/, similar ó son da gheada galega.

Ó conversar, os falantes de gaélico (tanto de gaélico irlandés como de gaélico escocés), adoitan reducir a forma singular do artigo definido gaélico an a a’, e isto dános a forma a’ chruinne, “a redondez”.

No fragmento da obra Foras Feasa ar Éireann que citamos ó comezo deste documento, podemos ver unha mutación propia do gaélico irlandés, coñecida como eclipse, empregada nas frases utilizadas para describir A Coruña. Nas devanditas frases, o c orixinal da palabra cruinne deixa de pronunciarse. A forma g-Cruinne que vemos no texto, pronúnciase Gruinne.

 

 “Is é fós an Breoghan soin do bhris iomad cath ar an Easpáinn, agus is é do chumhduigh nó do thógaibh Brigansia láimh ris an g-Cruinne, agus tor Breoghain san g-Cruinne féin; gonadh uime sin do rinne Giolla Caomháin an rann-so”.

 

Tendo en conta a redondez das baías a ámbolos dous lados de A Cruña / A Coruña, tal e como foron debuxadas por Pedro Teixeira no século XVII, cremos que as seguintes adaptacións poderían ser correctas:

 

(gaélico) Cruinne > Cruna / Cruña (galego)
(gaélico) A’ Chruinne > A Cruña (galego)
(gaélico irlandés) (ris an/san) gCruinne > Grunia (galego)

 

As formas gaélicas correspóndense bastante ben coas formas galegas, incluída a forma eclipsada: gCruinne > Grunia. A forma Crugna que vimos anteriormente documentada no dicionario galego, probablemente fose escrita con ortografía francesa ou italiana, dado que o son do dígrafo francés e italiano gn equivale ó son do dígrafo portugués nh e ó son da letra ñ en galego e castelán.

É moi probable que Coruña, a versión máis moderna do topónimo, sexa a mesma palabra que Cruña, coa adición dunha vogal epentética que, co tempo, se representou na escritura como un o. Polo tanto, a partir de agora, referirémonos ó topónimo galego mediante a forma máis antiga aínda en uso en diferentes partes de Galicia: A Cruña.

 

3. Crunha, corunha coruña: “óso ou pebida de froita”
 

Vimos o topónimo galego A Cruña e a versión gaélica do devandito topónimo, baseada na palabra cruinne, que describe con bastante exactitude a baía de A Cruña. Exploremos agora o léxico galego para ver se atopamos algún termo relacionado con este topónimo. Nos seguintes dicionarios observamos estas acepcións dos substantivos galegos coruña e curuña:

Eligio Rivas Quintas (1978): Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca (Texto traducido)

coruña f. óso de froita, como cirola, cereixa, etcétera (Tabagón). Dic.: caruña, caroia, carabuña, etcétera. (FrampasI)

 

Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27  (Texto traducido)

curuña f. (Goi.) pebida.

Como vemos no seguinte dicionario, os significados dos substantivos portugueses corunha e crunha son os mesmos que o do substantivo galego coruña que acabamos de ver:

Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (Texto traducido)

crunha s. f. Caroço de certas froitas.

corunha s. f. [Rexionalismo]  Caroço.

caroço s. m. 1. Parte dura de certos fritos na que vai gardada a semente.

Debido a que a grafía e as formas fonéticas dos substantivos galegos e portugueses son tan similares (se non idénticas) ás do topónimo galego, cremos que pode haber unha relación directa entre eles, así como coas palabras gaélicas cruinn e cruinne. Vémolas na seguinte táboa:

Lingua

Palabra

Significado

Gaélico (irlandés e escocés)

cruinn

Redondo

Gaélico (irlandés e escocés)

cruinne

Redondez

Galego

Cruna

Topónimo

Galego

Cruña

Topónimo

Portugués

Corunha

Topónimo

Portugués

crunha

Pebida, óso, semente.

Galego

Coruña

Topónimo

Castelán

Coruña

Topónimo

Galego

coruña

Pebida, semente.

Portugués

corunha

Pebida, óso, semente.

Galego

curuña

Pebida, óso, semente.

Vimos a redondez da baía de A Coruña e a redondez da liña de costa ó longo do Mar de Orzán, como lle chama Pedro Teixeira no seu mapa ou debuxo; tamén vimos que crunha, corunha, coruña e curuña son substantivos portugueses e galegos empregados en referencia a “pebidas”, “ósos” ou “sementes”, as partes duras de diferentes froitas que se poden considerar xeralmente esféricas.

Agora regresamos a algúns dos dicionarios gaélicos que xa vimos anteriormente, para poder centrarnos nalgúns significados moi específicos das palabras cruinn e cruinne relacionados con “redondez”:

- Gaélico irlandés:

eDIL, Electronic Dictionary of the Irish Language (Texto traducido)

cruinn Formas: (cruind) redondo, globular, circular, compacto.

cruinne [iā, f.] (cruinn) (a) redondez, rotundidade: masa redonda.

- Gaélico escocés:

Am Faclair Beag (Texto traducido)

cruinn -e, /krɯiNʲ/ a 1 Redondo, circular, globular. 2 Ben redondeado.

cruinne /krɯNʲə/ s. ind. m. en n. sing. f en xen Redondez, rotundidade, circularidade.

Resaltamos os significados “globular”, “masa redonda” e “ben redondeado” destas palabras gaélicas porque cremos que os devanditos significados relacionan directamente o topónimo galego A Cruña cos substantivos galegos e portugueses coruña, curuña, crunha e corunha, xa que son nomes de diversos tipos de sementes, ósos ou pebidas que se poden considerar obxectos globulares ou esféricos.

 

Pebida ou óso de aguacate 

 

Pebidas ou ósos de néspera

             

O feito de que os obxectos non precisen ter unha forma esférica perfecta pódese apreciar perfectamente na seguinte frase en gaélico irlandés: Cruinne cloch duirlinge (a redondez dos coios da beiramar).

Dada a redondez das pebidas de diferentes froitas, cremos que as seguintes romanizacións ou adaptacións da palabra gaélica cruinne son correctas:

(gaélico) cruinne > coruña / curuña (galego)
(gaélico)  cruinne > crunha / corunha (portugués)

Por tanto, debido a que o topónimo galego Cruña / Coruña ou A Cruña / A Coruña cando vai precedido do artigo tamén se pode explicar empregando as mesmas romanizacións ou adaptacións, é máis que probable que Geoffrey Keating soubese o que estaba a facer cando interpretou a forma básica do topónimo galego como An Chruinne.

      (gaélico) Cruinne > Cruna (galego)
               (gaélico) Cruinne > Cruña (galego)   
                   (gaélico) Cruinne > Corunha (portugués)
(gaélico) A’ Chruinne > A Cruña (galego)
          (gaélico) A’ Chruinne > A Corunha (portugués)
(gaélico) Cruinne > Curuña (mapa Pedro Teixeira)

Pero, pódese considerar unha interpretación ou tradución do topónimo galego ou hai algo máis en todo isto?

 

4. Cruinnigh: “xuntar”,acercar contraendo”. Engruñar: “encoller, contraer o corpo ou unha parte del”
 

Cruinnigh é un verbo gaélico irlandés que provén da mesma raíz có adxectivo cruinn e o substantivo cruinne. Podemos ver os seus distintos significados no seguinte dicionario:

Foclóir Gaeilge – Béarla by Niall Ó Dónaill (Texto traducido)

cruinnigh v. t. & i. Xuntar.
1. Congregar.
2. Recadar.
3. Acercar contraendo. Chruinnigh sé na malaí, engruñou as cellas.
4. Reunir, recuperar.
5. Converxer, centrarse (ar, en)
6. Facer máis exacto.
7. Formar.

O significado e o exemplo que resaltamos, o único que nos interesa agora mesmo, tamén se pode ver nas seguintes acepcións do adxectivo cruinn e o substantivo cruinniú en gaélico irlandés moderno:

Foclóir Gaeilge – Béarla by Niall Ó Dónaill (Texto traducido)

cruinn a1.
1. Redondo.
2. Xuntado, recadado. Cruinn i gceann a chéile, reunido, compacto.

cruinniú m. (xs. –ora, pl. –í)
1. vn. Of cruinnigh.
2. Reunión. (c) En costura: Engruñar, engurrar, xuntar. Cruinnithe a chur in éadach, engruñar, engurrar tea.

Ímonos centrar no significado que resaltamos porque o consideramos suficientemente distinto dos significados “redondo” e “circular” que vimos ata agora. Polo que se atopamos en galego, portugués ou castelán palabras con significados directamente relacionados e formas fonéticas similares, a nosa hipóteses sobre o topónimo galego  A Cruña / A Coruña quedará reforzada.

Con ese propósito en mente, regresamos ós dicionarios de lingua galega e vemos estas acepcións dos verbos engruñar e engruñarse.

Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo

engruñar v. a. Encoller, contraer o corpo ou unha parte del.

engruñarse v. r.
1. Encollerse, contraerse o corpo ou calquera membro del.
2. Achicarse, reducirse a menor volume.
3. Aniñarse, acovardarse por curtidade de carácter ou pola moita pobreza. Acep. esta do DL.

Cando un galegofalante nativo fala sobre enghruñar os ollos, refírese a “encoller moito os ollos”, contraéndoos ou facéndoos máis compactos, un significado moi similar a “encoller” como na frase gaélico-irlandesa chruinnigh sé na malaí  “engruñou as cellas”.

Cando esa mesma persoa di “tá enghruñado”, o significado que transmite é que outra persoa está “sentada en nas puntas dos pés ou agachada”, contraendo o corpo de xeito compacto. Atopamos un significado case idéntico na frase Cruinnigh do chosa i gceann a chéile “xunta os pés”, un significado moi similar ó que se transmite na frase gaélico-irlandesa Cruinnithe a chur in éadach “engurrar tea” ou, ata certo punto, na frase gaélico-irlandesa cruinn i gceann a chéile, “reunidos, xuntos”.

Nos nosos exemplos en lingua galega empregamos a gheada, utilizada habitualmente polos galegofalantes nativos, de xeito que enghruñar soe máis parecido ás formas verbais gaélicas tales como a forma do pasado simple chruinnigh. O dígrafo gh soa moi parecido ó dígrafo gaélico ch ou ó j castelán, un son que non existe en portugués.

Cremos que a raíz gaélica cruinn- foi adaptada ó galego engadindo o prefixo romance en- ademais do sufixo do infinitivo -ar, do mesmo xeito que o verbo en-fri-ar, se obtén do substantivo frío, por exemplo. Polo tanto, cremos que a seguinte romanización ou adaptación é correcta:

(gaélico) cruinn-en-gruñ-ar (galego)

O g que apreciamos na palabra galega pódese explicar como unha sonorización da consoante xorda c no grupo consonántico –ngr-, unha asimilación natural da consoante precedente que ocorre en moitas linguas. Apreciamos un proceso similar anteriormente na secuencia de topónimos galegos CrunaCruñaGrunia, onde a última forma se corresponde cunha forma gaélico-irlandesa eclipsada en frases tales como ...ris an gCruinne ou ... san gCruinne.

Propoñemos esta etimoloxía directa e sinxela porque cremos que a etimoloxía proposta nalgúns dicionarios casteláns non é tan sinxela nin tan directa. Sigamos o fío no seguinte dicionario:

Diccionario de la Real Academia Española – DRAE (Texto traducido)

engruñar (De engurruñar).
1. tr. Engurrar, encoller.

engurruñar (De engurrar).
1. tr. Engurrar, encoller.

engurrar (De enrugar).
1. tr. Engurrar, encoller.

enrugar (Do lat. irrugāre).
1. tr. Engurrar, encoller.

Deseguido, vemos a etimoloxía da palabra latina irrugare: empregando o prefixo latino ir-, derivado da palabra latina rugare (“engurrar”, “encoller”).

Para derivar a palabra castelá e galega engruñar a partir da palabra latina rugare, son precisos todos estes pasos:

rugare > ir-rugare > enrugar > engurrar > engurruñar > engruñar

Non sería máis sinxelo derivar o verbo da raíz gaélica cruinn-?

 

5. Oileán Dá Chruinne: “Illa das dúas colinas redondas”
 

Volvendo ó topónimo galego, no mapa debuxado por Pedro Teixeira no século XVII, parece que A Cruña (Curuña no mapa) puido ser unha illa mareal (accesible en marea baixa). Non hai proba diso, aínda que se sospeita desde hai moito tempo. Fixémonos en que o istmo areoso que vemos no mapa chega case ata as portas da antiga cidade amurallada.

 

A Cruña / A Coruña no século XVII nun mapa debuxado por Pedro Teixeira

 

Se interpretamos as franxas costeiras marelas que vemos no mapa como praias areosas, é doado imaxinar que o mar podía pasar por riba das dunas da estreita lingua de terra e chegar ó outro lado da baía. De feito, o mar destrúe case tódolos anos o fermoso paseo marítimo construído recentemente no que agora se coñece como Enseada do Orzán e non como Mar de Orzán como vemos no debuxo de Teixeira. Podemos velo nas seguintes imaxes:

 

 Danos causados polo mar ó longo do paseo marítimo do Orzán

 

Por tanto, asumindo que puido ser unha illa mareal, como sospeitan desde hai tempo moitos autores, tamén puido coñecerse en galego como Illa da Cruña.

De feito, en Irlanda, en County Galway, non moi lonxe da costa de Conamara, hai unha illa coñecida como Oileán (an) Dá Chruinne en gaélico irlandés, co significado de “illa dos dous outeiros redondos”, anglicanizado como Illaundacrinnia. Podémola ver nas seguintes imaxes:

 

Oileán (an) Dá Chruinne (Illaundacrinnia), illa dos dous outeiros redondos.

 

Podería tratarse dunha simple coincidencia, pero o topónimo irlandés Oileán (an) Dá Chruinne (Illaundacrinnia) soa moi parecido ó topónimo galego. Debemos ter presente que o artigo an desta frase desaparece ó falar con fluidez, o que explica a forma anglicanizada do topónimo. Tendo en conta o que dixemos sobre a case incuestionable probabilidade de que A Cruña fose unha illa mareal, e a posibilidade non tan remota de que fose coñecida como Illa da Cruña, prestemos atención á forma topográfica de A Cruña no século XIX, con dous outeiros redondos, e imaxinemos o aspecto que puido ter hai moito máis de mil años:

 

A Cruña / A Coruña no século XIX

 

No século XIX, a cidade estendeuse xa ó longo do istmo areoso que vimos no debuxo ou mapa de Teixeira, e comeza a estirarse sobre as terras ó outro lado do istmo. O único que temos que facer é borrar o istmo coa imaxinación e, que temos? Unha illa con dos dous outeiros redondos... Oileán (an) dá Chruinne (Illaundacrinnia), Illa da Cruña.

E que é a estrutura que vemos no alto do outeiro máis distante da illa? O faro romano que hoxe en día se coñece como Torre de Hércules, declarado Patrimonio da Humanidade. É posible que Breogán construíse a súa torre neste mesmo lugar moito antes de que os romanos chegasen a Galicia e que estes construísen o seu faro no mesmo solar varios séculos despois?

 

Conclusión
 

Partindo do nome gaélico-irlandés An Chruinne que Geoffrey Keating empregou para A Coruña / A Cruña, seguimos un fío desde a raíz gaélica cruinn-, “redondo”, pasando por varias das súas formas derivadas, cruinnigh “reunir, formar”, cruinne “redondez”, “obxecto redondo”, “círculo”, mesmo “gota de resío”, ata chegar a formas galegas e portuguesas como coruña, curuña e crunha, corunha “pebida”, “óso de froita”, “semente”, todas con significados relacionados con “redondez” ou “circularidade”.

Durante o percorrido, tamén examinamos o verbo galego engruñar(se) “aniñarse”, “contraer o corpo”, e descubrimos que o verbo gaélico cruinnigh abarca significados moi semellantes.

Finalmente, e para a nosa sorpresa, descubrimos que o nome orixinal de A Cruña puido ser, non An Chruinne, senón Oileán (an) Chruinne que, en gaélico irlandés, describe a súa topografía perfectamente: “Illa dos dous outeiros redondos”.

Sexa como for, tanto se A Cruña foi unha illa mareal no pasado como se non o foi, cremos que hai razóns suficientes para tomarnos moi en serio o que Geoffrey Keating deu por sentado ó referirse como An Chruinne ó lugar que hoxe coñecemos como A Coruña ou A Cruña.

 

Torre de Hércules o Torre de Breogán

 

• • • • •

Se chegaches aquí, é porque che gustou este artigo. Compárteo!

Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en Google+

© Propiedade de GAELIZACHT, S.L. www.progael.com