Se segue a navegar ou realiza calquera outra acción na nosa web, acepta que utlicemos cookies propias e de terceiros para facilitarlle unha mellor experiencia de navegación.

Mais información     |     Pechar

 

TEMÁTICO
TÍTULO: San Gonzalo
SUBTÍTULO: O Famoso Bispo Santo
REFERENCIA: TEMA0004
DATA DE PUBLICACIÓN: 12/05/2014

SINOPSE

San Gonzalo foi un bispo galego que viviu a finais do século XI e a comezos do XII. Séculos despois, ó abriren o sartego no que fora enterrado, atoparon un anel entre os ósos da súa man cunha inscrición en latín que, traducida, di: “non quero ser dado nin vendido”. Sorprendentemente, esta inscrición relaciona Galicia coa mitoloxía irlandesa. Que relación pode haber entre San Gonzalo, o Bispo Santo galego e Easpag Sanctán, un bispo e santo irlandés?

San Gonzalo
O Famoso Bispo Santo

A Britonensis ecclesiae
 

Nas actas do Segundo Concilio de Braga, celebrado na Gallaecia no ano 572 e presidido por Martín de Braga, menciónanse varios bispos galegos:

Ex Concilio Bracharensi II, anno 572

Martinus Bracharensis Metropolitanae episcopus his gestis subscripsi. Remisol Visensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Lucretius Conimbriensis episcopus his gestis subscripsi. Adorius Egitanae ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Sardinarius Lamecensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Viator Magnetensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Item ex synodo Lucensi. Nitigisius Lucensis eccleasiae episcopus his gestis subscripsi. Andreas Iriensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Wittimer Auriensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Avila Tudensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Polemius Asturiensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi. Mailoc Britonensis ecclesiae episcopus his gestis subscripsi.  
 

Despois de Mailoc non aparece ningunha mención a bispos de Britonia durante algún tempo. No ano 633, Metopius, bispo de Britonia, asistiu ó Cuarto Concilio de Toledo, presidido por San Isidoro. Sonna, o seu sucesor, foi un dos bispos que firmou o Sétimo Concilio de Toledo (ano 646) e enviou un representante ó Octavo Concilio de Toledo (ano 653).

A sé episcopal de Britonia existiu polo menos ata o ano 830, cando a zona foi atacada polos viquingos. Finalmente refundiuse coa diocese de Dumio, situándose a nova sé en San Martiño de Mondoñedo.

Gallaecia no ano 575

 

Bretoña (Lugo-Galicia)

 

O feito de que nas actas do Concilio de Braga se mencione unha Britonensis ecclesiae, así como nas actas dos Concilios de Toledo, significa que na zona norte de Galicia, onde se atopan Bretoña e San Martiño de Mondoñedo, houbo britóns ou britanos asentados durante un período de 75 anos como mínimo. Outro feito a ter en conta é que o topónimo galego Invernés, unha probable versión romanizada do topónimo gaélico Inbhir Nis, anglicanizado como Inverness en Escocia, tamén se atopa na mesma diocese, o que implica que este bispado bretón estaba asentado nunha zona de fala gaélica.

 

San Martiño de Mondoñedo: San Rosendo e San Gonzalo

 

Igrexa de San Martiño de Mondoñedo
 

Oficialmente, San Martiño de Mondoñedo foi unha sé episcopal galega desde o ano 866 ata o ano 1113. Varios bispos ocuparon esta sé durante 200 años aproximadamente. Dous deles destacaron por riba de tódolos demais: San Rosendo e San Gonzalo.

San Rosendo foi unha figura política de gran importancia na Galicia medieval do século X. A súa familia administrou diferentes territorios da rexión de Caldelas (Ourense-Galicia). San Rosendo fundou varios mosteiros, entre eles o Mosteiro de Celanova (Ourense-Galicia), e foi bispo de San Martiño de Mondoñedo desde o ano 923 ata o ano 942.

Pero foi San Gonzalo quen provocou maior devoción entre os seus fieis. Foi bispo de San Martiño de Mondoñedo desde o ano 1070 ata o ano 1108, e o único bispo galego coñecido como santo que non foi canonizado pola Igrexa Católica. A súa repercusión foi tan grande que sempre foi coñecido coloquialmente como “famoso”. San Gonzalo coñécese en toda Galicia como o “famoso bispo santo”. Cada ano, desde hai moitos séculos, nos meses de maio ou xuño, ten lugar unha festividade local na súa honra en San Martiño de Mondoñedo (Foz-Lugo) coincidindo con Pentecoste. Esta festividade ou feira coñécese como a Romaxe do Bispo Santo.

 

San Gonzalo

Entre os milagres que se lle atribúen, San Gonzalo é famoso por un en particular: O Milagre do Afundimento das Naves.

Así é como se supón que tivo lugar o suposto milagre: os viquingos ou normandos eran coñecidos desde había tempo polas súas incursións en Galicia. Durante unha das devanditas incursións, cando San Gonzalo xa ía vello, guiou a xente desde Foz cara ó cumio dun outeiro de xeito que puidesen poñerse a salvo dun inminente saqueo pola flota de piratas normandos que se estaba achegando moito á costa. Como San Gonzalo entendeu que era imposible que os seus fieis se defendesen por si mesmos, recorreu ós poderes divinos. Vestido cunha túnica, descalzo e cunha cruz ás costas, ordenou unha procesión con rogos e súplicas. Despois, el, os seus sacerdotes e os seus fregueses, seguido polos seus cóengos, subiron cara ó alto do outeiro. O peso da cruz e a súa avanzada idade obrigábano a descansar de vez en cando, axeonllándose e erguendo a cruz. Isto fíxoo varias veces ata que Deus, Noso Señor, fixo que o mar estivese tan bravo que cada vez que o bispo se axeonllaba, desaparecía un barco baixo as augas. Cando só quedaban uns poucos barcos, o Bispo Santo deixounos marchar para que se decatasen de que foran castigados e nunca máis regresasen. O Señor oíu o seu rogo e calmáronse as augas. As poucas naves normandas que sobreviviron a tormenta fóronse. A xente da zona, mesmo xente de todo o reino de Galicia, quedou abraiada por aquel milagre.

 

Polo xeral, este milagre, igual que a maior parte dos milagres, considérase unha lenda por tratarse de naves normandas ou viquingas. Isto débese principalmente ó feito de que os normandos xa conquistaran Inglaterra uns anos antes de ser bispo San Gonzalo, e dábase por sentado que xa rematara a actividade viquinga. Cremos que isto non é totalmente certo, xa que, aínda que polo xeral se considera que a era viquinga finalizou no ano 1066, dáse por sentado que en Escocia a era viquinga chegou á súa fin no ano 1266, douscentos anos máis tarde. En 1263, o rei Haakon IV de Noruega, en represalia por unha expedición escocesa a Skye, chegou á costa oeste cunha flota procedente de Noruega e Orkney. Polo tanto, aínda que se pode dicir que a actividade viquinga cesou en Inglaterra cando o país foi conquistado polos normandos, non foi necesariamente así en tódalas demais rexións europeas. É ben sabido que os viquingos seguiron sendo contratados como mercenarios por nobres europeos despois do ano 1066.

 

Viquingos

O feito de que San Gonzalo fose bispo de San Martiño de Mondoñedo desde o ano 1070 ata o ano 1108, sabendo que os saqueos e ataques viquingos ou normandos seguiron sucedéndose noutras rexións europeas trala conquista de Inglaterra en 1066, fai que a data do suposto milagre (finais do século XI ou principios do século XII) encaixe perfectamente dentro do final do período de incursións ou ataques viquingos ou normandos. Debemos ter en conta que a sé episcopal de Bretoña fora previamente destruída polos viquingos no século X, a mans de Gudrød (Guðrǫðr), irmán de Harald Gråfeldr, coñecido como Gunderedo en diferentes crónicas galegas, despois de matar o bispo de Iria-Compostela, Sisnando II, na batalla de Fornelos e tras saquear Compostela.

En Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI, de José Carlos Sánchez Pardo, doutor en historia medieval pola Universidade de Santiago de Compostela, atopamos outro claro exemplo de actividade normanda en Galicia despois de morrer San Gonzalo:

Segundo a Historia compostelana no ano 1111 uns mercenarios noruegueses establecidos en Inglaterra son chamados por dous condes galegos partidarios do rei Afonso de Aragón e contrarios a Dona Urraca: Pelayo Godesteo e Rodrigo Núñez. Segundo R. Dozy e González López estes mercenarios estaban dirixidos polo conde Hacon Paalson, que peregrinaba a Roma e Xerusalén. Así e todo, o bispo Xelmírez xunto con mariñeiros galegos fixo fronte a estes normandos que estaban saqueando as igrexas e facendo prisioneiros, e venceunos na ría de Vigo, liberándoos despois a condición de que deixasen rapidamente as terras galegas.
 

Cara o ano 1152, sae das Orcadas o conde Rögnvald o Santo con quince barcos e a intención de seguir o mesmo itinerario que o rei Sigurd chegando o 20 de decembro de 1152 a Galicia. A Saga dos Condes das Orcadas ofrece un amplo episodio das peripecias destes normandos en Galicia, onde gobernaba de xeito opresivo un estranxeiro chamado Godofredo. Os cruzados atacaron o seu castelo e gañaron a batalla, aínda que este Godofredo, que no foi identificado, logra poñerse a salvo. Isto demostra, unha vez máis, como una expedición de cruzados podía derivar, ocasionalmente, en operacións de pillaxe e saqueo. Como sinala Ferreiro Alemparte, é curioso o parecido de fondo entre o relato sobre Godofredo e o episodio da Compostelana sobre os piratas ó servizo de dous nobres galegos. Neste episodio o heroe é Xelmírez que vence os piratas a soldo, mentres que na Saga son os normandos os que axudan os pobres campesiños galegos a librarse dun tirano que os explota e oprime. Ou sexa, a saga pretende xustificar unha acción contra un burgo cristián, mentres que a conduta benevolente de Xelmírez cos normandos revela unha situación na que os homes do Norte xa cristianizados van contribuír dun xeito moi eficaz á reconquista nos séculos XII e XIII.
(Texto traducido)
 

San Gonzalo, nado Gonzalo Froilaz, foi o primeiro fillo de Froila Bermúdez e Elvira de Faro. O seu irmán menor, Pedro Froilaz (1075-1128), foi o primeiro Conde de Traba. Gonzalo nunca foi canonizado, pero foi coñecido como Bispo Santo  durante varios séculos. O milagre do afundimento das naves probablemente sexa unha lenda, pero é unha lenda asociada á súa persoa. A festividade relixiosa que se celebra cada ano na súa honra sempre ten lugar o luns de Pentecoste, aínda que as festividades, feira, etcétera, comezan o fin de semana anterior.

San Gonzalo foi enterrado dentro da igrexa de San Martiño de Mondoñedo, nun sartego esculpido en granito, conservado ata agora. O sartego ten tres cadeados con tres chaves gardadas por tres sacerdotes diferentes. O sartego de San Gonzalo foi aberto en varias ocasións ó longo dos anos: abriuse por primeira vez en 1648 por Don Francisco de Torres, e foi entón cando se descubriron o anel e o báculo de San Gonzalo;  o Bispo Navarrete abriuno por segunda vez en 1704, e mencionou as mesmas reliquias; finalmente, no ano 1914, foron retirados do sartego o báculo e o anel. Tras ser examinados o báculo e o anel, datáronse cunha data aproximada á da morte do bispo: nalgún momento do s. XII. Ó examinar o seu anel, atopouse unha curiosa inscrición gravada nun dos seus cantos. A inscrición, escrita en latín, di: Nolo esse datus neque venum datus, “non quero ser dado nin vendido”.

Existen diferentes opinións con respecto á datación do anel e do báculo de San Gonzalo. A maior parte dos expertos están de acordo na data dada para o báculo, o século XII. No que respecta á data do anel, algúns cren que foi forxado no século VII, mentres outros cren que foi manufacturado no século IX.

 

Sartego e anel de San Gonzalo

As dúas únicas cousas que realmente nos interesan neste caso son o feito de que o anel fose del, xa que foi atopado entre os ósos da súa man, e a inscrición gravada no anel. Inesperadamente, estas palabras vinculan o seu anel coa tradición irlandesa, como veremos deseguido.

Nolo esse datus neque venum datus, “non quero ser dado nin vendido

 

A segunda batalla de Mag Tuired

 

A segunda batalla de Mag Tuired é o nome dunha saga irlandesa, na que se enfrontan os Tuatha Dé Danann ós Fomoire. Da tradución de The Second Battle of Mag Tuired de Elizabeth A. Gray, extraemos a seguinte pasaxe:

15. A concepción de Bres tivo lugar deste xeito.

16. Un día unha das súas mulleres, Eriu, a filla de Delbaeth, estaba mirando o mar e a terra desde a casa de Maeth Sceni; e viu o mar totalmente en calma, coma un prato. Logo, mentres estaba alí, viu algo: unha nave de prata aparecéuselle no mar. O seu tamaño pareceulle grande, pero non viu a súa forma claramente; e a corrente do mar levouna a terra.

Logo viu que era un home moi lanzal. Tiña o pelo louro dourado ata os ombros, e unha capa con tiras de fío de ouro ó seu redor. Na súa camisa había bordados feitos con fío de ouro. No peito levaba un broche de ouro co lustre dunha pedra preciosa nel. Dúas lanzas de prata brillante e nelas dúas barras de delicado bronce remachado. Cinco torques de ouro ó redor do pescozo. Unha espada coa empuñadura de ouro con incrustacións de prata e adornos de ouro.

17. O home díxolle, -concédesme unha hora facendo o amor contigo?-

-Non acordei un encontro amoroso contigo-, dixo ela.

-Ven sen o acordo-, dixo el.

18. Entón tendéronse xuntos. A muller chorou cando o home se levantou de novo.

-Por qué choras?-, preguntou el.

-Hai dúas cousas que debería lamentar-, dixo a muller, -separarme de ti a pesar de cómo nos coñecemos. Os mozos dos Tuatha De Danann estivéronme suplicando en van e ti posúesme sen mais-.

19. –Hache pasar a ansiedade sobre esas dúas cousas-, dixo el. Quitou o seu anel de ouro do seu dedo medio e púxollo a ela na man, e díxolle que non debería separarse del nin vendéndoo, ni dándoo, agás a alguén en cuxo dedo encaixase.

20. –Preocúpame outro asunto-, dixo a muller, -que non sei quen veu a min.

21. -Non seguirás ignorando iso-, dixo el. -Elatha mac Delbaith, rei dos Fomoire veu a ti. Terás un fillo como resultado do noso encontro, e non permitas que se lle poña outro nome que non sexa Eochu Bres  (ou sexa, Eochu o Fermoso), porque tódalas cousas fermosas que se ven en Irlanda, tanto a chaira como as fortalezas, a cervexa e a candea, muller, home e cabalo, serán xulgadas en relación a ese rapaz, de maneira que a xente dirá sobre o que sexa, é un Bres-.

22. Logo o home marchou, e a muller regresou á súa casa, e a famosa concepción foille concedida.
(Texto traducido)
 

Como acabamos de ler nesta tradución, Elatha mac Delbaith, o rei dos Fomoire, dálle un anel a Eriu (Eri), a filla de Delbaeth, dos Tuatha De Danann, e dille que non se debe separar del nin vendéndoo, nin dándoo, agás a alguén en cuxo dedo encaixe.

Estas palabras son moi similares á inscrición latina gravada no anel de San Gonzalo: Nolo esse datus neque venem datus “non quero ser dado nin vendido”. Só temos que poñer as devanditas palabras na “boca” do anel, por dicilo así, coma se o anel dixese que non quere ser dado nin vendido. O feito de que esas palabras estean escritas en latín só reflicte o poder da Igrexa nese período da historia.

Segundo algúns expertos, o anel é de deseño celta. Uns expertos dátano no século VII e outros no século IX. O certo é que resulta difícil datar un anel de ouro con precisión. Podería ser só unha coincidencia, pero atopamos varios feitos que relacionan o bispo galego e a súa diocese coas Illas Británicas:
- Unha frase da saga irlandesa gravada no anel dun bispo galego.
- A Britonensis ecclesiae e dentro desa diocese o topónimo galego Invernés.

E é nas Illas Británicas, concretamente na Isla de Man, onde atopamos unha parroquia que debe o seu nome, Santon, a un célebre bispo e santo irlandés: o Bispo Sanctán.   

 

Santon. Easpag Sanctán

 

Parroquia de Santon (Illa de Man – Reino Unido)
 

a) A parroquia e a súa igrexa
 

Santon é o nome da parroquia máis pequena da Illa de Man, unha dependencia da coroa británica situada no Mar de Irlanda, de fala gaélica ata época recente. O seu nome, Santon, é de orixe irlandesa, e non é o topónimo orixinal. Igual ca moitas outras parroquias antigas da Illa de Man, debe o seu nome á súa igrexa parroquial, que neste caso está dedicada a St. Santain, un santo e bispo irlandés coñecido como Easpag Sanctán. Os rexistros mostran que a grafía da palabra Sanctán cambiou en diferentes ocasións o longo dos anos, de Sanctán a Santan e Santon, a súa forma actual. A forma do topónimo en gaélico irlandés antigo é epscop Sanctán (Bispo Sanctán), que se converte en easpag Sanctán no período irlandés medio.

Existen varios documentos escritos en irlandés antigo e irlandés medio que din que o bispo e santo irlandés Easpag Sanctán viviu no século VI e foi un dos discípulos de San Patricio. Trala súa morte, construíronse varias igrexas dedicadas a el en Irlanda e a Illa de Man. A igrexa de St. Santain, na parroquia de Santon, é unha delas.

 

Iglesia de St. Sanctain (Santon – Illa de Man – Reino Unido)

Igual que o topónimo, o nome da igrexa tamén foi obxecto de diferentes cambios ó longo dos anos. Aparece rexistrado por primeira vez no século XIII, y foi rexistrado en latín como Sancti Santani. En anos posteriores foi rexistrado como St. Santan, Sanctan e Santon, ata que, finalmente, no século XVII debido, aparentemente, a un erro de reinterpretación da forma fonética do nome do santo, a igrexa foi identificada con St. Ann (Santa Ana), a nai da Virxe María. Así foi como o nome deste bispo e santo irlandés quedou no esquecemento ata que a finais do século XIX se recuperou o seu nome orixinal. Desde entón, a igrexa volveuse coñecer como St. Santain.

Para ilustrar outro caso de malentendido, traducimos a seguinte pasaxe de Master Book of Irish Placenames: Master Atlas and Book of Irish Placenames, de Michael C. O'Laughlin:

[Os cambios de forma dos topónimos tamén foron comúns nos rexistros irlandeses, como queda demostrado na seguinte anotación tomada de] citando a Haverty’s Irish-American Illustrated Almanac (1893):
 

Tres millas máis arriba da aldea de Tallaght cerca de Dublin, na ladeira de Glenas Mole, mirando cara ó Río Dodder, hai un pintoresco e pequeno cemiterio e unhas ruínas coñecidas como “Kill St. Ann”, ou “Igrexa de St. Ann”. Moi preto atópase “St. Ann’s Well” (a fonte de St. Ann), e unha residencia adxacente tomou prestado da igrexa o nome de “Ann-Mount” (Monte de Ann). De feito, todo o lugar foi cedido en silencio a St. Ann (Santa Ana), ... Os “Catro Mestres” dannos a forma orixinal do nome no ano 952 d.C., cando rexistran a morte de Caenchomhrac, abade do lugar, concretamente, Cill-Easpuig-Sanctain, é dicir, Igrexa do Bispo Sanctan, de xeito que o fundador desta solitaria igrexa foi uns dos primeiros santos, - varios dos cales se conmemoran nos calendarios – chamado Sanctan ou Santan. O nome é unha forma diminutiva da raíz latina Sanct (Santo), que chegou como préstamo ó irlandés. Kill Santan foi natural e correctamente traducido como Igrexa de Santan en primeiro lugar; e a súa obra espiritual non tardou en ser convertida en St. Ann’s Church (Igrexa de Santa Ana).”  
(Texto traducido)

 

b) A figura do santo

 

De Easpag Sanctán sábese pouco ou nada. Hai varias referencias á súa persoa nalgúns documentos escritos en gaélico irlandés antigo, tales como o Martiroloxio de Oengus, con diversa grafía ó longo dos anos: Easpuic Sanctáin, Epscop Sanctáin Fain, Santan Cennmar, Sanctanvs, Santane, Sanddane, Sanctáin, Santan, Santain, Sanctan...

O que si sabemos é que o Bispo Sanctán tivo que ser considerablemente famoso, xa que no Calendario de Oengus emprégase a frase 'Epscop Sanctáin sochlae' (o famoso Bispo Sanctán). É o único bispo que mereceu o adxectivo sochlae, “famoso” en gaélico irlandés antigo, despois do seu nome.

O Leabhar Imuinn, o Libro de Himnos da Antiga Igrexa de Irlanda, di que o himno escrito en gaélico irlandés antigo coñecido como Hymnus S. Sanctani ou Himno de Sanctán, foi composto polo propio Bispo Sanctán. O seu irmán Madoc e el, ambos britanos, organizaron unha viaxe a Irlanda. Durante esa viaxe, o Bispo Sanctán compuxo o himno. O curioso disto é que o himno foi escrito en gaélico irlandés e o Bispo Sanctán non coñecía esa lingua. Aprendeu gaélico irlandés durante a viaxe a Irlanda porque Deus lle concedeu ese don.

Tanto se aconteceu así como se non, o himno existe, aínda que non sabemos cando foi escrito realmente. Whitley Stokes, un famoso experto irlandés en linguas goidélicas que viviu no século XIX, datou a composición do himno entre os séculos XI e XII, baseando as súas conclusións na forma de gaélico empregada para a súa composición.

 

Non se pode dicir moito máis sobre a vida deste bispo irlandés. Só podemos engadir que en Santon, durante séculos, Saint Santain foi recordado cada ano con gran devoción celebrando na súa honra unha feira de gran importancia para toda a zona. Esta feira adoitaba celebrarse no mes de maio ou o mes de xuño. O cambio de data da feira debeuse, aparentemente, ó feito de que se celebrara en Pentecoste, cincuenta días despois de Pascua e, polo tanto, celebrábase nunha data diferente cada ano. A mediados do século XIX, a feira deixouse de celebrar e, aínda que houbo outras celebracións menores, o recordo da feira foise esvaecendo gradualmente. Hoxe en día, en Santon xa ninguén recorda ningún tipo de celebración, cerimonia ou liturxia en honor a Easpag Sanctán.

Deseguido, algúns detalles máis sobre a devandita feira, extraídos de The Place-Names of the Isle of Man With their Origin and History, de J. J. Kneen:

A parroquia de Kirk Santan estaba dedicada a Saint Sanctan, a quen vemos mencionado no Calendario de Ængus do seguinte xeito: - Epscop santan (o sanctain) sochia, ‘famoso Bispo Sanctan.’ Foi bispo de Cell da les, ‘igrexa dos dous fortes (castros);‘ que non foi identificada. A data de dedicación de Sanctan era o 9 de maio (O.S.), 20 de maio (N.S.), e hai un rexistro temperán feito por un pastor de Kirk Santan segundo o cal a feira de Santan se celebrou o 21 de maio no ano 1755, dous anos despois da reforma do calendario. Ultimamente, a devandita feira patronal celebrouse o luns de Pentecoste, preto do Brown Cow Inn, na zona coñecida como Knockalaughan, aínda que antigamente debeuse celebrar preto da igrexa parroquial, que está situada na carreteira vella de Douglas a Castletown.
(Texto traducido)

 

As datas de dedicación de Easpag Sanctán que vimos son o 9 de maio (O.S.), o 20 de maio (N.S.) e o 21 de maio, en 1755, pero o máis significativo é que acabamos de ler que a devandita feira patronal celebrábase o luns de Pentecoste”. Podería tratarse doutra coincidencia, pero tamén é o luns de Pentecoste cando se celebra en Galicia a festividade en honor do Bispo Santo, San Gonzalo, desde hai séculos.

Outra coincidencia é que Sanctán é o “diminutivo da raíz latina Sanct (santo), introducida no gaélico irlandés como préstamo”, polo que Sanctán podería traducirse ó galego como Santo ou como Santiño, a forma diminutiva de Santo. Dado que sabemos que easpag significa “bispo”, tamén se podería traducir ó galego como bispo. Por tanto, Easpag Sanctán se representaría como Bispo Santo ou Bispo Santiño (reflectindo o diminutivo irlandés án) ó traducilo ó galego, xustamente o nome que se deu ó bispo galego San Gonzalo.

Unha coincidencia máis: Easpag Sanctán e o seu irmán Matoc ou Madoc eran britanos. San Gonzalo, o Bispo Santo, viviu xusto na zona galega na que, segundo consta, se asentaron os britanos no século VI. De feito, a súa sé episcopal, San Martiño de Mondoñedo, é xustamente o lugar ó que se trasladou a sé episcopal de Bretoña tras ser destruído o lugar da sé orixinal polos normandos. Debemos ter presente que a Britonensis ecclesiae se atopaba en Bretoña ou Britonia, onde Maeloc foi bispo.

 

Topónimos galegos relacionados
 

Aparte da Ermida do Bispo Santo, onde se celebra a romaxe na honra do bispo galego, non atopamos en Galicia ningún outro topónimo relacionado co Bispo Santo ou San Gonzalo en lingua romance galega. Pero atopamos claras evidencias de que moitos topónimos galegos reflicten o nome do santo bispo irlandés, Easpag Sanctán.

De Toponimia e Arqueoloxía (Algunhas notas verbo de toponimia arqueolóxica). Por Juan A. Carneiro Rey. Departamento de Historia, Universidade de Santiago extraemos o seguinte fragmento:

Por último, temos a referencia a outra «arca», nesta ocasión coa particularidade de que se menciona en distintos documentos: Colección Diplomática do mosteiro de Caaveiro; Tumbo II do mosteiro de Sobrado dos Monxes e no Catastro do Marqués de la Ensenada. Aparece mencionada por primeira vez nun documento de Caaveiro no que se cita a delimitación dun terreo. Dito documento está datado o 17 de xuño, entre os anos 1102 e 1109: «(…) ad terminum de Listidu usque ad archam de Voado Spassandi; deinde per aquam de rivulo Covelo; deinde per portu de Ferrion; deinde per aquam de Corrago (…)». (cit. Fdez. De Viana et al., 1996).
 

Nun documento do Tumbo II de Sobrado tamén se cita esta «arca». Trátase dunha doazón de terras realizada polo  propietario ao devandito mosteiro no  mes de decembro do ano 1173. Para que queden ben sinalizados os límites, exprésanse con gran detalle os marcos que conforman ditas divisións: «(...) per terminos et divisiones suas antiquas, id est villa de Platanedo (...) et per illum carvalium Pelagii Fernandi et per arcam de vados pasandi (…) et per illam portam castri (…)». (Tumbo II, fol. 148 r., cit. Loscertales, 1978).
 

A terceira mención á «arca» de Vespasante como marco de territorio faise no Catastro de Ensenada, é dicir, case sete séculos máis tarde. En efecto, na resposta ao Interrogatorio Xeral na que se establecen os límites da freguesía de San Mateo de Trasancos, dise: (…) Dibidiendose destos confinantes por marcos principiando en el rio do Pozo, jirando por su natural Corriente a la fuente da cadela, y de esta al marco de la Arca de Bespasante (…) dando buelta al marco do campo da armada (…) bajando al castro de Leija (…)». (C. de E., 1752).
 

No primeiro caso, Voado Spassandi (Vado de Spassandi) cítase como o nome dun marco territorial divisorio nun documento do Mosteiro de Caaveiro. Aproximadamente 70 anos máis tarde, menciónase de novo como vados pasandi nun documento do Mosteiro de Sobrado. Case sete séculos despois, no Catastro de Ensenada, o mesmo marco territorial divisorio se menciona como Vespasante e máis tarde no mesmo documento noméase de novo como Bespasante.  Catro versións diferentes do mesmo topónimo: Voado Spassandi, vados pasandi, Vespasante y Bespasante.

Tamén en Galicia, na parroquia de Cícere, municipio de Santa Comba1, hai un pobo coñecido como Espasandín.

1 O topónimo Santa Comba parece claramente relacionado co gran santo gaélico Colm Cille, latinizado como San Columba. En canto á forma fonética do nome, tales simplificacións fonéticas son comúns. Observemos, por exemplo, o topónimo St. Combs en Aberdeenshire, Escocia, que é unha versión anglicanizada do nome San Colm ou San Columba (Colm Cille).

 

Espasandín (Cícere – Santa Comba – Galicia)

É un deses topónimos galegos que non ten significado na lingua romance galega, polo que parece lóxico que a súa orixe poida estar noutra lingua. En diferentes municipios e parroquias galegas atopamos varios topónimos que parecen están relacionados con Espasandín. Na seguinte táboa incluímos o topónimo Espasandín e diferentes variantes: Espasante, Espasande, Esposende, etcétera.

Táboa de topónimos galegos relacionados con Easpag Sanctán (Prema aquí para máis información)

 
 

Topónimo

Provincia

Municipio

Parroquia

Tipoloxía

Espasante

A CORUÑA

CEDEIRA

Cedeira (Santa María do Mar)

Entidade de poboación

Espasante

LUGO

FOZ

Vilaronte (San Xoán)

Accidente costeiro

Espasante

PONTEVEDRA

RODEIRO

O Salto (Santo Estevo)

Entidade de poboación

Espasande

A CORUÑA

TEO

Luou (Santa María)

Entidade de poboación

Espasande

LUGO

CASTROVERDE

Espasande (Santiago)

Entidade de poboación

Espasande de Riba

LUGO

RIOTORTO

Santa Marta de Meilán (Santa Marta)

Aldea

Espasandín

A CORUÑA

SANTA COMBA

Cícere (San Pedro)

Entidade de poboación

Esposende

OURENSE

CENLLE

Esposende (Santa Mariña)

Entidade de poboación

Esposende

OURENSE

RIBADAVIA

Esposende (Santiago)

Entidade de poboación

Os Pasantes

A CORUÑA

LARACHA (A)

Lendo (San Xián)

Chaira

Os Pasantes

A CORUÑA

MUXÍA

Coucieiro (San Pedro)

Entidade de poboación

As Pasantes

A CORUÑA

VIMIANZO

Vimianzo (San Vicenzo)

Entidade de poboación

Vilaspasantes

LUGO

CERVANTES

Vilaspasantes (San Xoán)

Entidade de poboación

As Basantas

A CORUÑA

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Aríns (San Martiño)

Monte baixo

Capela de Espasande de Riba

LUGO

RIOTORTO

Santa Marta de Meilán (Santa Marta)

Edificio relixioso (igrexa, capela, ermida...)

Escola de Espasande de Baixo

LUGO

RIOTORTO

Espasande de Baixo (Santa María)

Edificio público (escola, hospital...)

Espasande de Baixo

LUGO

RIOTORTO

Espasande de Baixo (Santa María)

Aldea

Igrexa de Espasande de Baixo

LUGO

RIOTORTO

Espasande de Baixo (Santa María)

Edificio relixioso (igrexa, capela, ermida...)

Ponte de Espasande

LUGO

RIOTORTO

Santa Marta de Meilán (Santa Marta)

Ponte

O Monte de Esposende

OURENSE

RIBADAVIA

Esposende (Santiago)

Bosque (piñeiros, eucaliptos)

O Porto de Espasante

A CORUÑA

ORTIGUEIRA

Espasante (San Xoán)

Entidade de poboación

Rego de Espasande

LUGO

RIOTORTO

Espasande de Baixo (Santa María)

Parte de río

O Monte das Pasantes

LUGO

TRIACASTELA

Vilavella (Santa María)

Labradío

Táboa de topónimos galegos relacionados con Easpag Sanctán (PECHAR)

 
 
 

Apreciamos unha clara similitude entre Spassandi y Espasandín. Tamén observamos unha clara semellanza entre Espasante e Bespasante. Recordemos agora que San Gonzalo foi coñecido como Bispo Santo. Observemos a gran similitude fonética entre Bespasante e o título honorífico Bispo Santo. Cremos que chegou o momento de descartar as coincidencias e centrarnos nos datos que recollemos ata agora, que demostran que Easpag Sanctán e o Bispo Santo poden ser unha mesma persoa.

Easpag Sanctán > Spassandi > Espasandín/Espasante

Easpag Sanctán > Bespasante > Bispo Santo

En relación ó bispo irlandés Easpag Sanctán, temos que ter en conta que Sanctán é un “diminutivo da raíz latina Sanct (santo), introducida no gaélico irlandés como préstamo”, como se indica en Master Book of Irish Placenames: Master Atlas and Book of Irish Placenames, de Michael C. O'Laughlin. Polo tanto, o nome e título Easpag Sanctán pódese interpretar como “bispo santo pequeno”, un epíteto do santo, fose cal fose o seu nome. Así, temos a súa tradución literal ó galego, “santiño”. Por iso, o topónimo galego Espasandín resulta sorprendente dado que mostra unha relación evidente co gaélico irlandés.

 

Nomes de santos irlandeses
 

a) Antepoñendo o adxectivo mo e a súa variante ma

Antano, ó referirse a un santo, os gaélicofalantes adoitaban usar o adxectivo posesivo mo “meu” diante do nome do santo, como mostra de respecto. Vexamos agora a seguinte pasaxe de The Origin and History of Irish names of Places, de James Weston Joyce, onde se pode apreciar claramente:

Dalton, na súa historia de Dublin – citando as Inquisitions aparentemente – escribe o nome Killnasantan, que de forma absurda traduce como “a igrexa de Santa Anne”. Pero no Repertorium Viride de Archbishop Alan, atopámolo escrito: Killmesantan; polo que é obvio que o na del Killnasantan de Dalton, que el creu que era o artigo gaélico-irlandés, en realidade é unha corrupción da partícula mo, “meu”, tan comúnmente prefixada como sinal de respecto ós nomes dos santos irlandeses (véxase primeiro Ser. terceira ed., p. 141).
(Texto traducido)
 

Vexamos tamén esta pasaxe de The Neighbourhood of Dublin. Its Topography, Antiquities and Historical Associations, de Weston St. John Joyce, onde observamos o mesmo:

O erro parece que se orixinou coa tradución equivocada do nome antigo de Killnasantan a “a igrexa de Santa Ann”, cuxa forma errónea adoptou Dalton na súa historia de Coimty Dublin, e que foi perpetuada nos mapas de servizo estatal de cartografía. En  Refertorium Viridfi de Archbishop Alan o nome aparece escrito Killmesantan (Igrexa de Mosanctan o de Santan).
(Texto traducido)
 

En gaélico irlandés atopamos Easpag Sanctán e Mosanctan como diferentes formas usadas en referencia ó mesmo santo ou bispo. Polo tanto, xa non debería sorprendernos atopar as mesmas formas en Galicia, empregadas para denominar o mesmo santo. Dito doutro xeito, deberíamos poder encontrar o adxectivo posesivo gaélico mo prefixado a formas como sandín, sante, sande ou sende. E, de feito, atopámolas. Por exemplo, en SITGA – IDEG, Toponimia de Galicia, Buscador Avanzado, Xunta de Galicia, atopamos os seguintes topónimos:

Táboa de topónimos coa forma mo (ma) prefixada (Prema aquí para máis información)

 
 

Topónimo

Provincia

Concello

Parroquia

Tipoloxía

Mosende

A CORUÑA

ARTEIXO

Lañas (Santa Mariña)

Cultivo

Mosende

A CORUÑA

CEDEIRA

Piñeiro (San Cosme)

Entidade de poboación

Mosende

LUGO

OUROL

Ourol (Santa María)

Entidade de poboación

Mosende

LUGO

PALAS DE REI

Carteire (Santa María)

Cultivo

Mosende

LUGO

RIBADEO

A Devesa (Santalla)

Cultivo

Mosende de Abaixo

A CORUÑA

VALDOVIÑO

Lago (Santiago)

Entidade de poboación

Mosende de Arriba

A CORUÑA

VALDOVIÑO

Lago (Santiago)

Entidade de poboación

Coto Masende

LUGO

PALAS DE REI

Laia (San Xoán)

Cultivo

Táboa de topónimos coa forma mo (ma) prefixada (PECHAR)

 
 
 

Un caso especial é o de Mosende, no concello de Cedeira, A Coruña (Galicia), un pequeno lugar coñecido polas ruínas dunha igrexa e un antigo cemiterio cuberto de maleza. A dous quilómetros de Mosende, ó outro lado do río Condomiñas, atopamos o lugar de Espasante. Alí non hai igrexas nin cemiterios, pero a menos dun quilómetro, encontramos unha capela coñecida como Capela de San Antón que, sospeitosamente, parece una reinterpretación do nome Santan (>Sanctán). A poucos metros da capela, na ladeira, nace unha fonte. Nesta pequena área podemos encontrar tres variantes coa mesma orixe.

 

Espasante(Cedeira-A Coruña-Galicia), Capela de San Antón e fonte

 

Easpag Sanctán > Espasante

Mosanctan > Mosende

Sanctán > San Antón

 

b) Outros adxectivos posesivos antes de nomes de santos
 

Como mostra de respecto, ademais de antepoñer o adxectivo posesivo mo e a súa variante ma ó nome dun santo, tamén se antepoñía o adxectivo posesivo to e a súa variante do e as variantes de ámbolos dous. Podémolo comprobar en Index of Celtic and Other Elements in Watson's 'The History of the Celtic Place-names of Scotland, onde encontramos:

do, da, de, t' (co significado do posesivo) teu (con nomes de santos)
(Texto traducido)
 

Do (ou to, a forma más temperá en gaélico irlandés antigo), que significa “teu”, utilizábase en gaélico irlandés do mesmo xeito que mo, “meu”. Dito doutro xeito, do pódese atopar prefixado ó nome dun santo igual que mo, e en vez de encontrar Mosanctan, deberíamos encontrar *Dosanctan ou *Tosanctan. Aínda que non atopamos a forma *Dosanctan nin a forma *Tosanctan, atopamos exemplos cos adxectivos posesivos do/da, “teu”,  e mo, “meu”, prefixados a outros nomes de santos nos seguintes ensaios. En Mochellóc: some traces of the name, and a particular case in the Béarra peninsula, Roibeárd Ó hUrdail escribe:

Aínda que tradicionalmente se cría que o nome Cellach significaba “persoa que frecuenta igrexas”, tamén se propuxo “de cabeza brillante” como o seu posible significado. Ademais de Cellachán, tamén tiña Cellán e Cilléne como formas diminutivas, e as súas formas asociadas e hipocorísticas eran Mo Chellóc Mo-Chellóc Mochellóc, “meu Cellóc”, e DochellócDachelloc, “teu Cellóc”.
(Texto traducido)
 

Encontramos información adicional sobre o uso do segundo adxectivo posesivo to/do como prefixo no ensaio To Chellóc mc Oíbléni: saint and places, de Donnchadh Ó Corráin:

To Chellóch é, por suposto, unha forma hipocorística de Cellach (prometedoramente arcaica ó reter o To pretónico, que posteriormente se converteu en Do). Tal vez sexa este o nome de santo máis común nos rexistros irlandeses e o santo é coñecido principalmente polo seu hipocorismo e o seu patronímico para poder distinguilo doutros.
(Texto traducido)
 

Na seguinte táboa vemos algúns topónimos galegos que parecen levar este prefixo concreto. Atopámolos en SITGA – IDEG, Toponimia de Galicia, Buscador Avanzado, Xunta de Galicia:

Táboa de topónimos coa forma to y ta (Prema aquí para máis información)

 
 

Topónimo

Provincia

Municipio

Parroquia

Tipoloxía

Tosende

LUGO

GUNTÍN

Ferroi (Santiago)

Entidade de poboación

Tosende

OURENSE

ALLARIZ

Augas Santas (Santa Mariña)

Entidade de poboación

Tosende

OURENSE

BALTAR

Tosende (San Lourenzo)

Entidade de poboación

Tasende

A CORUÑA

CERCEDA

Rodís (San Martiño)

Entidade de poboación

Táboa de topónimos coa forma to y ta (PECHAR)

 
 
 

 

Topónimos de orixe gaélica

É hora de botar outra longa ollada á longa lista de nomes propios e topónimos que vimos ata agora:

Easpag Sanctán / Bishop Santan / Bispo Santo
Bespasante / Spassandi / Espasandín
Espasante / Espasande / Esposende
Mosanctan / Mosende
*Masanctan / Masende
*Dosanctan / Tosende
*Dasanctan / Tasende
*Tosanctan / Tosende
*Tasanctan / Tasende
Sanctan / St. Ann / Santon / San Antón

 As formas con asterisco indican formas irlandesas hipotéticas cos prefixos mo-/ma-, e to-/ta- (do-/da-), que poderían explicar os topónimos galegos que, de feito, existen.

Ningún dos topónimos galegos que vimos nas táboas anteriores, ten significado na lingua romance galega. Simplemente son topónimos que posteriormente se converteron en apelidos. É un feito coñecido que en Galicia, a partir do século XII, algúns topónimos foron utilizados como apelidos.

O topónimo latinizado como Spassandi que vimos nun documento medieval escrito no Mosteiro de Caaveiro tampouco ten ningún significado. Podería argumentarse que Spassandi, o nome dun vao  nun regato, non ten ningunha relación con Espasante, nome de varios lugares e parroquias galegas, xa que Spassandi convértese en Bespasante cos anos, non en Espasante, Espasande ou Esposende. Pero encontramos probas que demostran claramente que outra forma latinizada, Spasandi, se converteu en Espasande co paso dos anos. Nicandro Ares Vázquez escribe o seguinte sobre a igrexa parroquial de Espasande, no municipio de Castroverde, Lugo:

Hai unha parroquia luguesa no concello de Castroverde, que se chama Santiago de Espasande, ... algo novo e interesante sobre o nome desta parroquia, que é Espasande, que se repite noutra parroquia luguesa de Riotorto e mesmamente na provincia da Coruña (dúas veces) e en Asturias; hai ademais as variantes  de Espasante na Coruña e Pontevedra, así como Espasantes en Pantón, e Vilaspasantes en Cervantes (Lugo).
 

Todas estas formas toponímicas proceden directa ou indirectamente do antropónimo Spassandus, ou sexa, do nome da persoa que fundou e posuíu inicialmente tales vilas.
 

O antropónimo Spassandus aparece con frecuencia en documentos medievais do noroeste peninsular e polo mesmo nos lucenses, por exemplo, no Tumbo de Samos (41, 144, 154) ou nos citados no Boletín de Monumentos de Lugo (IV, 14, 130, 194).
 

Pero con este nome foi especialmente célebre un abade do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte, aló polo ano 821, protagonista dun pseudoprivilexio concedido por Afonso II  nun concilio de Oviedo en favor do citado convento monfortino... consérvase gravado nun epígrafe dun pequeno sartego, que aínda hoxe está na igrexa monacal de San Vicente do Pino, onde se le a seguinte inscrición: HIC EST TVMVLANDVS STISIMVS ABBA SPASANDVS.

 

Espasande e iglesia parroquial (Castroverde-Lugo-Galicia)

O que realmente nos interesa é o feito de que algúns dos topónimos galegos Espasante, Espasande, Esposende, Espasandín, etcétera, parecen estar relacionados con igrexas, mosteiros, reliquias ou abades. No caso de Santiago de Esposende, o feito de que sexa unha igrexa románica construída no século XII ou no XIII, encaixa ben xa que indica que foi construída pouco despois da morte de San Gonzalo, o Bispo Santo.

As primeiras alusións a Easpag Sanctán en gaélico irlandés antigo nos refiren a un dos primeiros santos, mesmo como discípulo de San Patricio (s. V). No Martiroloxio de Oengus vimos a data da morte de Caenchomhrac, abade do lugar, v. g., Cill-Easpuig-Sanctáin, é dicir, a igrexa do Bispo Sanctán, no ano 932 d. C.

En Galicia, na igrexa monacal de San Vicente do Pino, vimos unha inscrición que di: HIC EST TVMVLANDVS STISIMVS ABBA SPASANDVS. O abade que se supón que está aí enterrado foi famoso no ano 821 d. C.

 

Iglesia monasterial de San Vicente do Pino (O Pino-A Coruña-Galicia)

Polo tanto, é posible que houbese varios “bispos santos” ó longo dos anos. Mesmo é posible, á vista das probas, que o termo se convertese, ó longo da Idade Media, nun “epíteto” de personaxes relixiosos con especial prestixio na sociedade. Tamén é posible que as datas sexan erróneas.

Pero hai certos feitos dos que estamos seguros. Un deles, por exemplo, é que a feira patronal de St. Sanctán se celebraba o luns de Pentecoste, igual que a romaxe celebrada na honra de San Gonzalo, o Bispo Santo, o luns de Pentecoste de cada ano desde hai séculos.

Canto a que Spassandi e Spasandi sexan formas derivadas de Spassandus, debemos ter presente que  Joseph M. Piel e Dieter Kremer consideran o antropónimo Spassandus ungedeutet, "inexplicado", o que quere dicir que non se coñece a súa orixe. Fernando Cabeza Aquiles no seu libro titulado Toponimia de Galicia, di isto sobre o topónimo galego Gomesende e o nome propio Gumersindo:

“A persoa á que alude o topónimo Gomesende chamaríase hoxe Gumersindo(...)”
 

“(...)Gumesindus é un nome de persoa xermánico latinizado, que está composto polas palabras góticas guma, “home” e swinths, “recio”, “forte”, de aí que Gumesindus significase “home forte”, aínda que hai autores que prefiren explicar a segunda parte, -sindus, en caso xenitivo –sindi, como proveniente da palabra tamén gótica sinths, “camiño”, “marcha”, “expedición militar”.
 

Así e todo, sexa cal sexa a verdade sobre a orixe xermánica destes nomes propios, as devanditas observacións teñen pouco que ver co noso detallado exame de topónimos e nomes de santos en rexións gaélicas e en Galicia. Entre os devanditos topónimos atopamos un gran número de topónimos galegos que conteñen o elemento –sende. Algúns deles, como mínimo, só poden ser explicados aceptando –sende como unha forma corrupta do elemento latino sanct, “santo”.

O topónimo galego Cristosende é un exemplo moi claro. Significaría simplemente “Cristo Santo” en galego e castelán e Holy Christ en inglés, proporcionando unha explicación moi razoable do topónimo sen necesidade de nomes xermánicos latinizados con significados militares ou de fortaleza física. Do mesmo modo temos Espasande, Esposende ou Espasandín co significado de “Bispo Santo”.

En gaélico irlandés tamén é frecuente atopar este tipo de elementos como préstamos do latín. Por exemplo, no Index of Celtic and Other Elements in W.J.Watson's 'The History of the Celtic Place-names of Scotland encontramos:

sèanta, s(h)eunta, s(h)ianta, sénto (Ir), Angl –shant venturoso, consagrado, santificado, santo, sacro.
(Texto traducido)
 

E en gaélico irlandés moderno tamén atopamos o elemento latino San xeralmente utilizado nos nomes de santos estranxeiros, p. ex., San Nioclás (San Nicolás), San Caitriona (Santa Catalina), San Doiminic (Santo Domingo), aínda que a palabra indíxena naomh é a que se utiliza como “santo” en gaélico irlandés.


Demostramos que un gran número de topónimos galegos que non teñen unha clara interpretación, están, de feito, relacionados non só uns cos outros, senón con topónimos gaélicos de Irlanda e da Illa de Man. É máis, demostramos que todos estes topónimos teñen a súa orixe no epíteto derivado do latín dun santo irlandés Easpag Sanctán, “o pequeno bispo santo”, ou – traducido ó galego exactamente – Bispo Santo / Santiño.

- Espasante (e as súas variacións) designa, no caso principal que tratamos, un bispo de lingua bretona (coñecedor de gaélico) relacionado coa Igrexa Gaélica. O seu nome xera máis topónimos en Galicia que en Irlanda e na Illa de Man. Polo tanto, este nome, representaría un bispo ou tal vez varios bispos, todos relacionados por vínculos familiares con bispos da diocese de Bretoña. Da inscrición do anel achado no sartego de San Gonzalo podemos deducir a idea dunha liñaxe de bispos relacionados por vínculos familiares.

- Atendendo ós usos do termo Espasante que vimos, consideramos que este termo se converteu nun epíteto xeral para membros do clérigo, unha vez perdido o sentido específico de bispo, dotándoo dun significado semellante a “personaxe venerable”, que posteriormente foi mal interpretado cando foi “traducido” ó latín. Así encontramos a referencia ó abade Spassandus de Monforte.

- Ademais do feito de que estes topónimos non se traducisen directamente ó galego como “bispo santo”, senón que se conservaron en formas fosilizadas próximas ás da lingua na que se recibiron – ou que, co paso dos anos,  se deformasen fonoloxicamente converténdose en estrañas formas sen significado – podemos deducir que en épocas máis recentes o nome deixou de ser traducible ou que adquiriu un significado específico distinto do seu significado orixinal.

 

• • • • •

Se chegaches aquí, é porque che gustou este artigo. Compárteo!

Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en Google+

© Propiedade de GAELIZACHT, S.L. www.progael.com